Visita ó Jardín Botánico Atlántico, Gijón, Asturias

Na derradeira viaxe polo norte houbo un lugar que deixou en nós unha pracenteira lembranza , trátase do Jardín Botánico Atlántico, localizado en Gijón. É difícil comezar na descrición da visita, despois de todo este xardín é –ante todo- unha paisaxe, e como tal paisaxe a aproximación dende o que escribe só pode ser persoal. En calquera dos casos, nese día os ollos eran os dun técnico, os dun recén chegado paisaxista, os dun galego que leva case dous anos vivindo en Málaga…, e os dun neno tirando a langrán.

Nesta tarefa de comezar, as chegadas poden ser boas. O día, excelente: morno e gris, cuberto sen vento, silencioso e sen visitantes,… ó abeiro do compracente verán cantábrico. Para chegar cómpre saír da cidade, superar os perímetros circunvalatorios e penetrar na maina periferia xixonesa. Neste punto do termo municipal un repara na morfoloxía do soar municipal; Gijón emprázase no centro visual dun anfiteatro de grande escala. O cinto periférico disponse sobre unha ampla chaira na que os ríos decorren sinuosamente e de vagar logo de vir a rolos polas abas da gradaría. O xardín botánico sitúase en Cabueñes, adxacente a outras dotacións importantes como son o hospital, o Campus de Viesques, o Parque Tecnolóxico e máis que sorprendente Ciudad de la Cultura, outrora Universidade Laboral, que por moito que sexa estudada nos manuais de arquitectura do período autárquico in situ produce un efecto desconcertante (non deixen de visitala!!!). Mais o botánico diferénciase delas, xa que naceu da Finca La Isla, a residencia estival dun empresario industrial local erguida a mediados do século XIX, o botánico é verde e brando, semella ser unha parte máis do mosaico rural do difuso nortexo.

Sobre a base do xardín histórico maduro, o botánico expándese fóra da finca, acollendo a flora e vexetación dos territorios atlánticos. Trátase –por tanto- dun xardín botánico especializado de grande extensión (25 ha). O Atlántico Norte convértese no eixo temático da proposta expositiva. Certamente, dunha volta puidemos percorrer as fragas, as ribeiras, as brañas, as uceiras, os queirugais, as fenteiras,…, pero tamén o xardín dos pazos, as alamedas, as hortas, as silveiras…, todos eles próximos, familiares, pero valiosos por canto supoñen o material vexetal das nosas paisaxes. Estaban tódolos matices, dende a vexetación clímax predominante ata as variacións de resposta ás alteracións climáticas ou edáficas: a transición ó espazo submediterráneo, á alta montaña,…, e dentro de cada unha delas a naturalización de especies foráneas. A proposta é xenerosa, ampla e rigorosa súa na consideración científica. Está presente a base, a invariante das paisaxes referidas, pero tamén atende ás incorporacións alóctonas. Sen dúbida, todos estes compoñentes son de grande utilidade para intervención.

O botánico, por tanto, é un espazo pra reflexionar acerca da construción da paisaxe. Xa sexa dende a oportunidade que supón atender a unha colección vexetal moi ben cultivada e conservada (influirá –de certo- a escolma de especies en relación ás condicións do emprazamento), ou dende as cualidades didácticas que plantexa a promenade museográfica. O Jardín Botánico Atlántico cobre un grande baleiro na cultura paisaxística do norte peninsular.

Pero Gijón está lonxe, alomenos de Galicia,…non é ironía. Na visita ao Jardín Botánico Atlántico viume á mente o proxecto do Xardín Botánico da Universidade de Santiago de Compostela, proxecto coetáneo en proposta, máis reducido en extensión (11 ha) e do que non se ten novas acerca do seu desenvolvemento. Tamén o estado da finca de Montero Ríos en Pontevedra ou a previsión dunha reserva de sistema xeral na Vía da Universidade prevista no PXOM de Vigo provinte do plan municipal anterior….

Non me vou estender máis. O que comparta a miña opinión pode indicalo nos comentarios. Se poden visita-lo Jardín Botánico Atlántico, fágano. Aínda así Gijón está lonxe…

http://botanico.gijon.es/

Málaga 20 de agosto de 2011.