Invernadoiro en fronte [Proxecto]_ Fernery on facade [Project]

Invernadoiro 1

Un invernadoiro

Disponse dun espazo prismático (3,10 x 4,10 x 2,24 m de altura libre), acaroado a unha fronte de orientación oeste-suroeste. A base permite un recheo térreo de 23,5 cm, acubillando un parapeto curvo de 50 cm de altura no extremo nor-oriental. Este pequeno recinto conecta unha cociña co exterior, elevándose medio metro sobre a rasante da rúa do Polvorín. Comparte coa cociña os planos de teito e solo, e os limites cara ela e o exterior son peles de vidro.

Nesta posición prevese unha insolación relativamente elevada, con ventilación directa e permanente en dúas bandas verticais no pano de fachada. As condición climáticas no exterior veñen caracterizadas por unha temperatura anual moderada (14ºC), e -como é de agardar- unha baixa amplitude térmica (8,6ºC), o verán é fresco (non superior aos 22ºC) e o inverno lene (sempre sobre os 10ºC). Preséntanse dous meses secos (Xullo e Agosto), cunha precipitación non moi abondosa no conxunto da costa galega (por baixo dos 1.000 mm).

Atendendo ás cualidadaes do espazo, e á súa función de amortecedor interior-exterior, o control da humidade (tanto aporte coma eliminación de excesos) convértese no meirande reto na conformación deste pequeno invernadoiro.

Esquema

Unha ‘fenteira temperada’

Tratándose dun invernadoiro en fachada nas condicións descritas procedeuse inmediatamente á selección dos materiais. Nunha primeira idea emerxeron o conxunto de plantas que veñen de ser identificadas como ‘de interior’, ese conxunto multicolor de especies que se atopan e viveiros e tendas especializadas. Unha lectura máis detida levou á escolleita dun grupo máis homoxéneo, neste caso pteridófitas de climas temperados.

Trátase dun grupo que presenta nos fentos as especies máis recoñecibles. Dende un punto de vista ornamental o seu interese é duplo, xa que aportan tanto a evocación de idades remotas, coma a familiaridade dos recunchos húmidos e umbros do sotobosque atlántico. Certamente a beleza e variedade de frondes non foi desaproveitado na composición xardineira, nomeadamente na tradición xaponesa. A finais do século XIX as coleccións de fentos en estufas foi moi popular, no contexto anglosaxón estas instalacións recibiron -e reciben- o nome de fernery.

No que atinxe á composición do recinto, a presencia do estrato de pteridófitas permitirá o tamiz da luz difusa producida no U-glass da fachada. Engádese a este estrato unha capa menos destacada de vivaces e gramíneas, acompañada puntualmente de pequenas extensións de briofitas. O pano cego do recinto cubrirase con gabeadoras, emprazando no maceteiro construido un grupo de Raphis excelsa, a única palmácea prevista.

Invernadoiro 2