4º Accésit | Concurso de Proxectos a nivel de anteproxectos, para a remodelación da Praza de Armas do Concello de Ferrol
Contextualización: A Praza de Armas no barrio da Magdalena
O barrio da Magadalena, onde vén de emprazarse a Praza de Armas, é unha das fundacións de base ortogonal do s. XVIII máis importantes do territorio español, constituíndose en claro precursor dos trazados posteriores realizados entre os séculos XIX e XX.
Aínda que a Praza de Armas sufriu modificacións substanciais ao longo do século XX, calquera alteración significativa da súa configuración formal debería estar supeditada ao trazado que a acolle. Certamente, a procura do recoñecemento internacional como Patrimonio Mundial da UNESCO materializouse na candidatura ‘Ferrol da Illustración’. Non en van, os criterios racionais de homoxeneización, rigor, xeometría,…, son as características máis apreciadas do conxunto histórico-artístico, tendo como particularidade a sinalada por Vigo Trasancos nos seus traballos sobre a cidade:
‘Debe quedar claro que el Ferrol dieciochesco sólo se planificó como un barrio residencial al servicio del Arsenal sin ninguna arquitectura representativa inmersa en su tejido’
Vigo Trasancos, A.: “El arquitecto Benedicto Fray Plácido Caamiña y su proyecto de Casas Consistoriales y cárceles para la ciudad de Ferrol (1791)” en Cuadernos de Estudios Gallegos, XLII-107 (1995), p. 275.
É así que o edificio do Concello é posterior á planificación do barrio ilustrado. Logo a volumetría da praza convértese no seu principal valor, así como a continuidade da rúa Galiano, que decorre diante do Concello e pasa a ser rúa Dolores, e nomeadamente o trazado rúa Real, cuxo pavimento é descontinuo.
A candidatura a patrimonio mundial data de 2001. En 2006 o Ministerio de Cultura incluíu por primeira vez a candidatura na ‘listaxe indicativa’ presentada á UNESCO. O barrio da Magdalena foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1983, contando cun plan especial de protección que o ordena (vixente dende outubro de 2007), e que artellando unha proposta integral de protección deixa ‘aberta a posibilidade eliminación nun futuro do edificio do Concello, o que permitiría a recomposición que orixinariamente a conformaba’ (Memoria de Ordenación, p. 55 do Documento Refundido vixente) referíndose explicitamente á Praza de Armas. Amais Ferrol é considerado un dos 10 lugares únicos de Galicia por Turgalicia, e un dos puntos de entrada co Camiño Inglés.
Fitos históricos salientables
Durante o século XIX a Praza de Armas sufre un proceso de urbanización continuado cuxos efectos veñen de intensificarse nas primeiras décadas do século XX. É nese tempo cando se nivela e se colocan as árbores, consolidándose na súa función de praza-mercado da cidade. En 1951, o proxecto do arquitecto municipal Nemesio López Rodríguez de rompe a continuidade histórica destacada por Vigo Trasancos, significada na simetría do conxunto Armas-Amboaxe. O novo consistorio, inaugurado en 1953 supón un nomeado exemplo de arquitectura do período autárquico franquista, devindo en testemuña en pedra dun momento social e político concreto. En 1967 executase o aparcadoiro semisoterrado proxectado por Ramón Tenreiro Brochón.
Hipótese de partida e obxectivos da proposta
Atendendo á revisión efectuada, e tendo en conta as cualidades da contorna, asumimos unha hipótese de partida na que se ten en conta catro ideas fundamentais: (1) ser fieis á orixe deste espazo, (2) respecta-lo tempo, (3) valora-los aportes e (4) evitar disonancias.
A expresión destas ideas pretende ser unha simplificación do expresado nas bases do Plan Especial da Magadalena cando nas páxinas 14 e 15 da súa Memoria de Ordenación propón como ideas reitoras: (…) A intervención pública debe realizarse dende a exemplificación arquitectónica, dende a demostración de que a arquitectura, reflexo da nosa época pode desenvolverse valorando e respectando a memoria do pasado, sen concesións ó exhibicionismo nin renuncia ó noso momento cultural. (…)
Nesta liña podemos entender que as intervencións a partir dos anos 50, foron quen de provocar unha ruptura na homoxeneidade do tecido da Magdalena, debido á ocupación masiva da praza e a modificación da súa topografía operada na instalación do aparcadoiro semisoterrado. A supresión desta función require a readaptación da praza, feito que pode propiciar o reequilibrio da relación co pasado no seu uso actual.
Plantexamos unha estratexia soportada en tres obxectivos: (1) Recuperar, (2) Aportar e (3) Incentivar.
(1) Recuperar: A recuperación deriva da reinterpretación dos principios que inspiraron o trazado da praza ata os anos 50, entendendo que e evolución ata ese momento é coherente cos valores do trazado ilustrado primixenio. Fíxanse as aliñacións do eixo Galiano- Dolores, tamén os acceso diagonais dende os encontros da Rúa Real coas rúas Rubalcava e Terra; no centro debúxase o perímetro da fonte que soportaba o obelisco de Churruca. O acomodo topográfico da explanada central da praza resolvese a través da recuperación do bordo aparterrado, hoxendía presente con outra formalización na praza de Amboaxe.
No aspecto material este anteproxecto propón a reutilización dos pavimentos históricos presentes na contorna de intervención: enlousado de perpiaño (enlousado de gra) e rodadura de lastro (adoquinado de gra); tamén a reutilización das pezas de cantería da obra do aparcadoiro, nomeadamente os bancos e o ‘friso’ lateral, aptos para a formación de pezas especiais de pavimento.
(2) Aportar: A aportación fundamental proposta resulta da incorporación da devandita franxa aparterrada. O ‘verde’ convértese en solución no momento que asume importantes funcións de adaptación, devindo nun espazo de natureza, nunha infraestrutura necesaria para o mantemento eficiente da orde urbana. A ‘natureza’ da Praza de Armas aportará funcións e servizos sociosistémicos alén das funcións recreativas e paisaxísticas que xa lle foron atribuídas ás zonas verdes durante o século XX.
O proxecto procura a revalorización do ‘verde urbano’ e o aproveitamento dos seu múltiples beneficios ambientais, sociais e económicos (sumidoiro de CO2, regulación térmica, redución da contaminación, aumento da biodiversidade, estímulo para o establecemento de relacións sociais e convivenciais, maior confort físico e psicolóxico,…).
Nesta liña, a proposta traballa sobre as premisas de (1) incorpora-lo criterio de biodiversidade, (2) incluír especies autóctonas e adaptadas – moitas delas de tradición la xardinería local e rexional -, (3) favorece-la función das árbores e arbustos como sumidoiros naturais de CO2 , (4) reduci-lo consumo de recursos e enerxía, así como a xeración de residuos, e (5) incorporar solucións de Drenaxe Urbano Sostible (DUS) mermando a escorrentía natural e favorecendo a infiltración nas zonas aparterradas.
(3) Incentivar: A transformación física do espazo non conleva necesariamente o modificación das pautas de utilización. O cambio no uso social do espazo é paulatino, a alteracion do escenario devén en incentivo ou catalizador, máis aló da súa consideración como infraestrutura ou suporte. A Praza de Armas acolle e acolle importantes actividades e eventos coletivos, moitos deles vencellados ao calendario festivo habitual (Nadal-Reis-San Xiao, Semana Santa de Interese Turístico Internacional…), mais posibilitando unha utilización continuada de citas puntuais (carreiras populares – Carreira Popular contra o Cancro, Carreira de San Xiao- , pasarrúas da Note de Pepitas, concertos, Festival Fóra do Mapa, Día do Autismo…). O carácter multiusos deste espazo queda reforzado pola continuidade dos trazados da Magadalena e pola formación do parterre aterrazado cara a Rúa Real, reforzando o valor escénico da praza.
Entendemos tamén que esta proposta dá unha oportunidade ao Concello, permitindo a reformulación da súa relación coa Praza. Antes de pensar en derrubalo pensamos que e posibel un plan de usos que contemple a reforma da súa planta baixa, converténdoa nun espazo apto para usos colectivos ou de interese cidadán (sas de reunión, plenos, exposición…). Neste senso a solución da accesibilidade en fachada debería ter en conta un modelo de utilización do edificio.
Verbo dos uso é preciso salientar que a supresión do aparcadoiro vén entendida como a súa completa demolición. Mantemos que a previsión orzamentaria impide calquera reutilización parcial ou total en condicións. Conseguinte a eliminación dos locais comerciais –todos eles desocupados- pode ser asumida no tecido residencia circundante, ávido dunha efectiva reactivación comercial.
Planos da proposta
Seccións
|
LOAIRA
Escoitabamos fai tempo que o verán nas Rías Altas (incluido Golfo Ártabro) é ‘morno e gris coma unha cunca de caldo’. Esta lembranza acrecentou aínda máis o interese polo concurso. A luz de Ferrol é racheada e variable, refletida en panos de galerías, firmes de lastros e auga encharcada. A loaira ou lorada son as ráfagas de sol que pasan rapidamente, as raiolas percibidas as seu paso por un filtro, xa sexa a ramada, nube ou follame.
O novo contorno conforma un soutelo calado, un veo permeable que dota a praza da protección perante a núa plataforma central. A lectura do Concello, da súa fachada, queda supeditada á orde definida polo estrato natural, este novo estrato resolverá unha transición coñecida entre a escala monumental do construído e propia do usuario.
Dentro do soutelo o percepción gardará os matices e variacións propias de contornas fóra da cidade. Como en todo Ferrol o equilibrio entre o familiar ou popular e o institucional ou representativo é –cando menos- singular.